VUE – Criterios

Plano do Barrio da Magdalena e dársena (1775).
Plano do proxecto de redución do Barrio da Magdalena de Jorge Juan (1762).

A Convención para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural ten por obxectivo identificar, protexer, conservar, revalorizar e transmitirlles ás xeracións futuras o patrimonio natural e cultural de Valor Universal Excepcional (VUE), isto é, aqueles bens cunha importancia extraordinaria que transcende fronteiras e tempos.

O valor de “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” apóiase na construción dun complexo naval-militar que implicou no seu tempo un grande avance da enxeñaría e a creación ex novo das instalacións necesarias para apoio dunha frota de guerra. A autenticidade e a integridade dos 5 elementos que integran a candidatura (Porto Natural, Arsenal Militar, Arsenal Civil, Defensas Costeiras e Cidade-Praza) apréciase na fiel relación entre o construído e os planos orixinais  e no seu bo estado de conservación, a pesar de que se mantivo en continuo uso desde o século XVIII,  e achéganlle á candidatura un Valor Universal Excepcional.

Criterios

Alén do seu Valor Universal Excepcional os bens aspirantes a seren Patrimonio Mundial deben cumprir, como mínimo, un dos dez criterios que establece a UNESCO, e que son valorados polos seus órganos colaboradores: ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) e UINC (Unión Internacional para a Conservación da Natureza), tal e como se recolle no parágrafo 77 das Directrices Prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial.

“Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración”, por integrarse dentro da categoría cultural, debe cumprir cando menos algún dos 6 criterios que o ICOMOS avalía, e no caso da candidatura ferrolá cómprense os 4 primeiros. Isto é:

(Criterio I): “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” supón un obra de arte do xenio creador humano por ser o modelo máis perfecto da cidade naval do século XVIII, o “porto ideal” do clasicismo. No proxecto apréciase o empeño por conseguir “orde” para unha organización máis funcional do espazo, así como a proposta dunha fórmula de execución académica e científica.

(Criterio II): É un claro exemplo da universalización e do intercambio de valores que representa a combinación entre a excelencia técnica o deseño teórico ideal ilustrado. Na construción do porto e cidade de Ferrol confluíron as diversas doutrinas e modelos das Reais Academias que no seu traballo combinado conseguiron materializar as ideas arquitectónicas, tecnolóxicas e técnicas da Ilustración, que posteriormente foron replicadas noutros lugares de Europa e do mundo.

(Criterio III): “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” achega un testemuño único e excepcional da cultura militar naval do século XVIII e comezos do XIX. Así pois, Porto Natural, Arsenais (militar e civil), Defensas Costeiras e Cidade-Praza marcan o estilo dunha rexión xeocultural determinada polo tipo de construcións, o deseño dunha planificación e duns patróns urbanos especiais.

(Criterio IV): Constitúe un exemplo representativo tanto das arquitecturas coma das enxeñarías desa época, seguindo os modelos académicos que combinan elementos do deseño racionalista coa tecnoloxía construtiva derivada da revolución científica do século XVIII.