Cidade Praza

A estrutura urbana do centro de Ferrol segue o antigo concepto de praza da Ilustración en canto aos conceptos de urbanismo, defensas e edificios de control dunha urbe militar. O barrio da Magdalena é o núcleo desta Cidade-Praza desde a súa creación en 1750, configúrase en base a unha retícula ortogonal composta por 44 mazás rectangulares, que no século XX se ampliaron até 54 respectando o trazado de ordenamento militar propio da Idade Moderna.

Porta do Mar de Fontelonga

É a única porta que se conserva do recinto amurallado da Praza de Ferrol. Na orixe accedíase a ela por mar mais hoxe, por mor dos recheos realizados para construír o estaleiro moderno, xa non posúe esta función.

Cuartel de Nosa Señora das Dores

Deseñado para os “batallóns” da Mariña, está situado no monte de Esteiro, ao leste do Arsenal e contiguo, polo oeste, ao estaleiro histórico. A súa planta cadrada ten un gran patio central e tres alturas útiles para a súa habitabilidade.

Reduto do Infante

Esta construción é, en realidade, un anaco da antiga liña defensiva da Cidade Praza. Dela consérvase parte da muralla artilleira e o baluarte que se denominou “reduto” polas súas especiais características formais.

Reduto de Santiago

Reduto de Santiago

Deseñada para a liña defensiva da Cidade Praza, ten unhas menores dimensións e calidade que o Reduto do Infante e conserva unicamente á parte do baluarte. A súa construción realizouna Dionisio Sánchez de Aguilera entre 1772 e 1774.

Reduto A Malata

Reduto da Malata

Marca o lugar da antiga costa, polo posterior recheo da enseada da Malata, e conserva soamente as súas ruínas. O deseño é de Dionisio Sánchez de Aguilera e construíse arredor de 1774.

Reduto de San Xoán

Delimita polo oeste a antiga liña defensiva da Cidade Praza e está orientado cara ao espigón-peirao comercial histórico. Modificouno a construción dunha vía férrea no século XX e foi reconstruído en 1937.

Capitanía Xeral

Ten función de mando ao teren desaparecido as antigas Capitanías Xerais dentro da organización orgánica da Armada Española. Hoxe é un edificio dedicado a eventos representativos e culturais.

Barrio da Magdalena

Deseñouse en 1750 respectando a antiga poboación medieval de Ferrol Vello. Construíuse como barrio provisional en Esteiro, xunto ao Estaleiro, e cun barrio central de nova planta artellado e comunicado co Arsenal a través dunha longa Alameda.

Alamedas

Unen o Arsenal e os barrios da cidade e conforman o seu glacis defensivo. Deseñadas xeometricamente e compostas por árbores de ultramar como araucarias e plátanos, Ferrol conta coa Alameda do Parque, a do Túnel, a do Cantón e a de Esteiro.

Igrexa de San Francisco

Este templo é unha réplica dos conventuais do século XVII, aínda que se comezou a construír en 1757 e se rematou en 1790, polo que a súa fachada é de estilo academicista. Ten planta de cruz latina e a súa actual función é a de parroquia castrense.

Concatedral de San Xulián

Exemplo da arquitectura académica española, construírona en 1765 Julián Sánchez Bort e Antonio Bada Navajas e trátase da primeira aparición deste estilo arquitectónico en Galicia. Con planta de cruz grega e atrio, ocupa o equivalente a unha mazá de casas e consérvase con total autenticidade e integridade.

Hospital da Caridade

Hoxe Centro Cultural municipal, foi sede dunha institución benéfica fundada por Dionisio Sánchez de Aguilera en 1782. Rehabilitouse a finais do século XX conservando os valores tipolóxicos de fábrica orixinais.

Capela do Cemiterio

Ten importancia como vestixio de servizo público. O seu deseño como cemiterio de cidade (1806) foi moi temperán debido á moderna normativa de sanidade de 1787, que obrigaba a situar os camposantos fóra da poboación.

Fonte San Roque

Fonte de San Roque

Fonte de tipo mural, situada nas proximidades da igrexa de San Francisco. Construíuse en 1784 e conta cun magnífico escudo da cidade de Ferrol labrado a medio vulto e realizado con perpiaños de granito.

Fonte da Fama

Fonte da Fama

Fonte de tipo obelisco que presenta nos seus catro lados os escudos de España, Galicia, Ferrol e a Mariña, en baixorrelevo. Non conserva o antigo pío e engadíuselle no século XX unha escultura da Fama no remate superior.

Fonte Churruca

Fonte de Churruca

Fonte-cenotafio que, antigamente, tiña pío e catro canos. Compúxose logo do seu traslado aos xardíns da costa da Mella e recorda o mariño morto na batalla de Trafalgar, que lle dá nome.

Vivenda XVIII

Vivendas do século XVIII

Estas vivendas seguiron o modelo trazado por Julián Sánchez Bort, casas con muros de carga perimetrais de cantería e grandes vigas de madeira. As súas fachadas presentan tres vans por planta, e chegan a ter tres alturas sobre a baixa.