Candidatura

Castelo de San Felipe

A candidatura “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” forma parte da Lista Indicativa da UNESCO a Patrimonio Mundial desde o 27 de abril de 2007.

A candidatura “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” inclúese na categoría de bens culturais e ten como un dos principais valores o feito de que constitúe unha aplicación precisa e detallada do modelo utópico do “porto ideal” da arquitectura clásica. Así, o porto de Ferrol é un exemplo de como a acción directa e centralizadora da monarquía do século XVIII creou, a través de institucións académicas e técnicas, un complexo naval militar ex novo, de deseño unitario, con novidosas instalacións de apoio loxístico destinadas a manter unha frota de guerra.

Entre os valores da candidatura “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración”, alén da integridade e da autenticidade dos bens que a integran, cómpre destacar que varios dos seus bens fundamentais están declaradas BIC (Ben de Interese Cultural). Así é o caso do Barrio da Magdalena, declarado en 1984 e dos castelos de San Felipe e da Nosa Señora da Palma, xunto ás Baterías de San Cristovo, San Carlos e As Viñas e o Arsenal Militar, declarados en 1994.

Acadar o recoñecemento da UNESCO implicará unha maior protección tanto para a cidade coma para o seu porto natural e arsenais, e permitirá mellorar o mantemento dunhas construcións que contan tres séculos e conservan unha alta relación co plano orixinal, o que lles axuda a transmitir os valores do deseño e da construción racionalista.