Defensas Costeiras

As construcións das Defensas Costeiras distribúense en base a 3 tipos  de obras, correspondentes á boca da ría, aos exteriores e ás obras complementarias. Cómpre destacar especialmente os castelos que protexían a entrada por mar a Ferrol na boca da ría: San Felipe, Nosa Señora da Palma e San Martiño. Xunto a eles, a protección da cidade complementábase con construcións como as baterías (conxuntos de pezas de artillería) e os faros de Prioriño Chico e da Palma, concibidos como obras estratéxicas.

Castelo de San Felipe

Obra defensiva situada na parte norte, e máis estreita, da boca da Ría de Ferrol. Xunto aos castelos da Palma e de San Martiño, cruzaba fogo artilleiro e tendía, en ocasións, unha cadea de peche que controlaba o paso da ría. É unha gran batería artilleira costeira cara ao mar e abaluartada cara á terra.

Castelo da Palma

Forma triángulo cos castelos de San Felipe e San Martiño e foi levantado no século XIX sobre unha fortificación de comezos do século XVIII. Posúe un enclave privilexiado na boca da ría que lle outorga unha visión de grande amplitude.

Batería de San Carlos

Fortificación defensiva que forma parte das baterías artilleiras dirixidas á canle de entrada á Ría de Ferrol. Posúe troneiras para 12 canóns e dispón de espazos loxísticos baixo a praza. O seu foxo non ten obra de fábrica, senón que o constitúe o desmonte que rodea a batería.

Batería de San Cristovo

Forma parte do control da Enseada de Cariño e cruzaba o tiro dos canóns coas baterías de San Carlos e de Viñas, hoxe trasladada a outra localización. Conserva a configuración clásica dunha batería costeira.

Batería de Cariño

Trátase dunha antiga defensa costeira atrincheirada en forma de liña quebrada entrante cara á praia de Cariño. Conserva unicamente os flancos de poñente e de levante, que permiten apreciar as liñas defensivas a barbeta no interior.

Castelo de San Martiño

Fortificación costeira de tipo abaluartado na súa primeira época (“fóra ao mar”). Pechaba un triángulo cos castelos de San Felipe e da Palma e hoxe conserva unha pequena parte do seu muro de liña artilleira ao mar, anque o estado é ruinoso.

Polvoreira e Cuarteliño do Vispón

Situado no extremo nordés da boca da ría, forma parte das construcións de aprovisionamento de pólvora para os castelos e as baterías. Ten planta rectangular e muro exterior de protección con garitas e porta alintelada. O seu estado é de ruína.

Batería de Viñas

Esta fortificación trasladouse á súa localización actual, en cabo Prioriño Chico, por mor das obras de ampliación do porto civil de Ferrol na Enseada de Cariño. Ten a forma típica das baterías costeiras mais con certas peculiaridades.

Batería de Prioriño

É unha ruína da batería que existiu neste cabo e foi substituída, en parte, polas obras do faro. Conserva algunhas troneiras da batería baixa e foi construída en 1799.

Batería do Outeiro de Doniños

Tamén coñecida como Batería do Carme, está situada nun outeiro que domina o areal da praia de Doniños. Conserva a escarpa ata o cordón maxistral e algúns merlóns e, pola parte de terra, formaba un pequeno hornabeque do que case non se conserva nada.

Faro de Prioriño

Trátase dunha obra auxiliar das Defensas Costeiras que se alza con dúas alturas das que sobresae unha torre de planta hexagonal que porta a lanterna. É un faro típico do século XIX, datado en 1854, realizado con cantería de granito.

Faro da Palma

Próximo ao castelo e á batería da Palma, a súa base é cadrada e posúe unha plataforma sobre o mar. Enriba da súa cuberta a catro augas porta a lanterna e foi construído en 1862 sobre perpiaños de granito.