Desde o Concello de Ferrol, co apoio da Deputación da Coruña, lanzamos no outono de 2022 unha campaña de promoción entre os centros de ensino da candidatura ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial.
Un total de 4 actividades dirixidas ao alumnado dos últimos cursos de Educación Primaria (Concurso de Postais e Charlas Divulgativas nos centros) e Educación Secundaria (Concurso de TikTok e Visitas Guiadas DidacTour ao Arsenal Militar, ao Arsenal da Cabana e ao Castelo de San Felipe).
A participación en calquera destas actividades faise a través do correo electrónico
escolas@ferrolpatrimoniomundial.gal.
Para o alumnado de 4º, 5º e 6º cursos de Primaria organízase este concurso de debuxo e creatividade que permanece aberto até o 25 de novembro. Todas as imaxes participantes pasan a integrar un Libro dixital e aquelas que resulten gañadoras serán editadas e impresas en formato postal para agasallar o alumnado na xornada de clausura das actividades. O galardón, un por categoría, consistirá nun Kindle ou libro electrónico.
Prazo límite de participación:
Até o 25 de novembro.
Dez charlas destinadas ao alumnado de 5º e 6º cursos de Primaria, esta serie de conversas desenvólvense entre o 15 e o 30 de novembro co obxectivo de achegar ao estudantado a importancia do recoñecemento de Ferrol como Patrimonio Mundial. Co apoio da web www.ferrolpatrimoniomundial.gal introducirase o alumnado no coñecemento dos Bens e elementos patrimoniais que integran a candidatura: Porto Natural, Cidade-Praza, Defensas Costeiras, Arsenal Civil da Cabana e Arsenal Militar.
Prazo de inscrición:
Até o 11 de novembro.
Para o alumnado do Ensino Secundario deseñáronse unha serie de dez visitas guiadas que levan os e as estudantes a coñecer o Arsenal Militar, o Arsenal da Cabana e o Castelo de San Felipe, onde tamén se visitará a exposición ‘Defensa de Ferrol. A Batalla de Brión’.
As visitas desenvólvense os días 10, 11, 14, 15, 16, 17, 23, 24, 29 e 30 de novembro, entre as 10 e as 13 horas. A concesión destas visitas, nas que poden participar un máximo de 48 persoas en cada unha, realizarase por rigorosa orde de inscrición. A contratación e a xestión do servizo de autobús corre a cargo da organización.
Prazo de inscrición:
Até o 11 de novembro.
ATENCIÓN!! AMPLIAMOS O PRAZO PARA PARTICIPAR NO CONCURSO DE TIKTOK ATÉ O 1 DE DECEMBRO.
Dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO, esta actividade busca desenvolver a creatividade dos máis novos e implicalos directamente como promotores da candidatura ‘Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial da Unesco.
As propostas, que se poden realizar de modo individual ou por parellas, recíbense até o 1 de decembro. O día 5 de decembro, e arredor do Día Internacional da Infancia que implica directamente aos máis pequenos e pequenas na construción da propia cidade, publicaranse os vídeos participantes na rede Instagram da candidatura @ferrol_patrimoniomundial.
Desde entón e até as 15 horas do 10 de decembro, aquel vídeo que consiga un maior número de “Gustame” será proclamado gañador. O premio do concurso consistirá nunha Tablet.
Prazo de participación:
Até o 1 de decembro.
Todas as actividades son gratuítas.
A concesión das Charlas Divulgativas e das Visitas Guiadas DidacTour realizarase por rigorosa orde de inscrición e atendendo ás datas dispoñibles no momento de realizar a solicitude. No caso das solicitudes chegadas fóra de prazo ou coas prazas xa cubertas, o centro en cuestión pasará a integrar unha lista de agarda da que se botará man no caso de que se produzan vacantes.