Arsenal Militar

O Arsenal Militar de Ferrol compóñeno as instalacións marítimas, defensas e control do porto militar destinadas, polo tanto, ao aprovisionamento (armamento), ao mantemento e á construción (estaleiros) dos buques. Neste último caso debemos mencionar a Porta do Estaleiro, que conserva a fachada antiga, e as Ferrerías, rehabilitadas en 2007 para acolleren o Museo da Construción Naval. Tamén cómpre mencionar as instalacións vencelladas á fortificación da cidade, como as murallas, ou as instalacións que daban servizo ao propio Arsenal.

Porta do Estaleiro

Sala e Praza de Armas e Almacéns Porticados

Teneduría / Almacén Xeral

Campo de Áncoras / Xardíns

Gran ‘Tinglado da Mestranza’

Ferrerías

Dique seco de Carenar ou da Campá

Dique de Abrigo Oeste

Dique de Abrigo Sur

Peiraos e dársena

Porto Chico

Alxibes

Alxibes

Pañol do Contramestre

'A Machina'

Foxo

Batería da 'Cortina'

Porta do Dique

Porta do Parque

Corpo da Garda da Batería

Cuarteliño de 'El Montón'

Portada do Cuartel de Mariñeiría

Residencia do Almirante

Presidio de San Campio

Residencia do Capitán de Gardaarsenais

Axudantía Maior

Despensa da Axudantía Maior

Porta do Estaleiro

Porta do Estaleiro

Esta é agora a fachada da edificación antiga, composta polo enmarque da porta de arco segmentado e con dúas pilastras sobre as que ten unha cornixa na que se apoia un ático con cartela rematada nunha luneta partida e que data de 1857.

Sala/Praza de Armas e Almacéns Porticados

Trátase da agrupación de edificios máis representativa do chamado Arsenal do Parque. Da Sala de Armas cómpre destacar as súas proporcións matemáticas, característica que tamén posúe a Praza de Armas. No relativo aos Almacéns Porticados é de destacar que conservan os paramentos orixinais.

Teneduría / Almacén Xeral

Exemplo representativo do deseño modular proxectado no século XVIII, configúrase en base á xustaposición de cinco elementos iguais, de 18 x 27 metros, debaixo de 9 bóvedas vaídas cada un deles.

Campo de Áncoras / Xardíns

Forma parte das obras destinadas á loxística de aprovisionamento de buques e compleméntase no exterior cun xardín decorativo onde se facía un certo aproveitamento das madeiras das árbores.

Gran Tinglado

Gran ‘Tinglado da Mestranza’

Hoxe é a sala de proxectos de Navantia, pero na súa orixe foi o gran “taller de obradoiros varios” que apoiaban os diques de carenar en seco e os varadoiros do século XVIII, construídos na parte leste desta gran dársena de reparacións.

Ferrerías

Este edificio con planta en forma de L foi rehabilitado en 2007 para ser o Museo da Construción Naval mais conserva, basicamente, a súa estrutura histórica de dúas plantas. Na rehabilitación optouse por recrear a cuberta orixinal.

Dique seco de Carenar ou da Campá

Tamén chamado Dique de San Xulián, este é un exemplo moi representativo dos diques de carenar deseñados cara mediados do século XIX, cando as máquinas de baleirado xa se desenvolveran plenamente tendo en conta as experiencias do final da centuria anterior.

Dique de Abrigo Oeste

Tamén chamado “da Cruz”, supón o peche e a defensa das dársenas do Arsenal na zona de poñente. Destacan nel as súas grandes medidas, 730 metros de longo, e a súa tecnoloxía construtiva.

Espigón Dique Sur

Dique de Abrigo Sur

Tamén chamado Dique da ‘escolleira’, constitúe o peche da dársena do Arsenal dos Diques na súa zona sur y sueste, formando tamén un espigón que xira 90º en dirección NNO para protexelo no seu lado oeste.

Peiraos e dársena

Estas obras teñen unha lonxitude aproximada de 950 metros, ás que se lle engadiu no século XX un suplemento cara ao mar de 525 metros máis. Componse de 3 zonas: o peirao de enfilamento NO-SO de 350 metros, e os 2 peiraos de orientación NE-SO, a ambos lados da entrada do Porto Chico.

Porto Chico

Pequena dársena situada entre o Arsenal do Parque e o dos Diques, anque historicamente formou parte do primeiro. Ten unha planta rectangular de 250 x 50 metros e comunícase coa dársena por unha estreita canle de 75 metros de longo.

Alxibes

Son 3 pequenas construcións que se empregaban para almacenar auga. Están situadas na esquina NE do Porto Chico e xunto á fachada levante das Ferrerías. Hoxe son utilizadas como almacéns con portas abertas para a mesma fin.

Pañol Contramestre

Pañol do Contramestre

Situado no extremo SE da praza da Sala de Armas, a súa función orixinal foi a de almacén de apeiros náuticos. Na actualidade, esta construción de 1859 da que non se coñece o autor, forma parte dun laboratorio.

Machina

‘A Machina’

No SE do Porto Chico, esta “Machina” foi o soporte dunha gran máquina que movía a antiga cabria coa que se arboraban os buques de vela. Trátase dun edificio de planta cadrada que na orixe carecía de divisións interiores. Hoxe o espazo, dividido, destínase a oficinas.

Foxo

A muralla do Arsenal estaba rodeada por un foxo defensivo con auga de mar, cunha medida de 1.300 metros no lado norte que o separaba da cidade. Co tempo engadíronselle 500 metros e transformouse en foxo interno para almacén de madeira.

Batería da ‘Cortina’

É o coroamento do Dique de Abrigo Oeste e segue o modelo académico de batería artilleira do século XVIII. Está composta por unha sucesión de troneiras que constitúen un corpo perfecto: espaldón do dique de abrigo e adarve (explanada) para a instalación de canóns.

Porta do Dique

Obra de Julián Sánchez Bort, esta porta está situada no contacto entre o Arsenal e o Barrio da Magdalena. Ten enriba da porta o escudo de Carlos III e a súa torre remata nunha cúpula semiesférica con lanterna de ferro forxado.

Porta do Parque

Forma parte do recinto amurallado, chamado neste caso Arsenal do Parque, e sitúase ao oeste do Porto Chico, aberta ao foxo defensivo e á antiga poboación de Ferrol Vello. Foi reformada sobre a construción do século XVIII na centuria seguinte.

Corpo da Garda da Batería

Tamén coñecido como Cuarteliño de Gardaarsenais, está situado na Punta do Martelo e contiguo á batería da ‘Cortina’. A súa estrutura orixinal era de planta rectangular, pero no século XX engadíronselle 2 obras miméticas na planta baixa.

Cuarteliño de ‘El Montón’

Situado fóra do recinto do Arsenal, depende deste centro loxístico pola súa función de aloxamento de persoal e por defender as desaparecidas polvoreiras na punta de ‘El Montón’. Foi rehabilitado na década de 1980 cun gran respecto pola súa arquitectura histórica.

Portada do Cuartel de Mariñeiría

É o único elemento do Cuartel da Mariñeiría que queda, pois o demais desapareceu logo dun incendio e de varias modificacións durante o século XX. Trátase dunha porta con linteis e cartela superior enmarcada en dúas pilastras que sosteñen unha luneta con óculo central.

Residencia Almirante

Residencia do Almirante

Actualmente é a vivenda, oficina e despacho do mando superior do Arsenal, e resultou da unión de dúas casas do século XVIII, deseñadas para “Casa do Construtor e do Capitán da Mestranza”, isto é, do arquitecto-enxeñeiro e do xefe de persoal civil técnico.

Presidio de San Campio

Construído para acoller os condenados a traballos penosos dos Arsenais, agora forma parte do Museo Naval e da Biblioteca da Mariña. Conta con dous patios cadrados na planta baixa, coas súas correspondentes naves perimetrais que forman as fachadas.

Residencia do Capitan

Residencia do Capitán de Gardaarsenais

Pequeno edificio de planta cadrada, dúas alturas e tellado a catro augas, que responde ao estilo propio do século XIX, continuador das ideas estéticas da Ilustración. O seu soportal reformouse a finais do século XX.

Axudantía

Axudantía Maior

Edificio residencial de planta rectangular e dúas alturas, deseñado no século XIX (1853) como unha prolongación do Corpo de Garda da Porta do Parque. Ademais deste último elemento, a contorna da Axudantía Maior confórmase cos xardíns do Campo de Áncoras.

Despensa da Axudantía Maior

Edificio de planta rectangular que usa a muralla do Arsenal como muro de carga do lado norte, xunto á Porta do Parque. Ten dúas alturas e mantén a súa función de almacenamento orixinal.