Institucional

A Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario presentaba no Concello de Ferrol, o 24 de febreiro de 2001, unha iniciativa para proporlle á Xunta de Galicia a inclusión do Arsenal e os Castelos da Ría de Ferrol (BIC desde 1994) na Lista Indicativa Española para a Declaración de Patrimonio Mundial pola UNESCO.

Cinco anos máis tarde, 2006, o Consello Nacional do Patrimonio Español aprobaba a inclusión da candidatura “Ferrol da Ilustración” na Lista indicativa española a Patrimonio Mundial. Unha proposta que o Ministerio de Cultura elevaba á UNESCO e que esta entidade incluíu na Tentative List o 27 de abril de 2007.

Case dez anos despois, en 2018, preséntase a candidatura “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración”, co expediente totalmente rematado á Xunta de Galicia. Nese mesmo ano ten lugar un acto, no que os cinco alcaldes que traballaron nas distintas fases do proceso, Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, José Manuel Rey Varela e Jorge Suárez, lanzan unha mensaxe de unidade e compromiso, por todas as forzas políticas da cidade coa candidatura.