A de Ferrol é unha ría ampla, de gran profundidade pero con boca estreita, polo que se coñece como un tipo de “ría de botella”. Esta condición xeográfica foi decisiva para que en 1726 Ferrol fose designada Capital do Departamento Marítimo do Norte por Felipe V, e comezase toda a gran reforma da cidade. A paisaxe natural veuse modificada nos últimos anos, pero o valor medioambiental da contorna é de gran relevancia patrimonial. A costa exterior está cualificada como LIC da Costa Ártabra, foi declarada ZEC en 2004 e pertence á ZEPA da Costa de Ferrolterra-Valdoviño.
Esta área representa perfectamente a paisaxe marítima da época da Ilustración, incluso nas características propias da costa na súa zona marítimo-terrestre, cos seus cantís e o escarpado Montefaro.
Previous
Next
Costa exterior
A Costa exterior ferrolá consérvase no seu estado natural e sen ningunha construción, o que lle confire un gran parecido coa situación na que se atopaba nos séculos XVIII e XIX. Naquela altura, o seu amplo e fácil acceso supoñía un importante valor para a Coroa española por facilitar a entrada de buques de gran calado.
Previous
Next
Lámina de Auga Central da Ría
Este fondeadoiro representativo da época ilustrada abrangue o plano e o perfil da franxa de navegación, manobra e fondeo dos buques na baía, cun calado da orde de 15 metros. Hoxe segue a ser unha protección natural contra os temporais.
Previous
Next
Ferrol
O espazo do porto civil e do arsenal militar é característico da ribeira da poboación histórica de Ferrol. O arsenal histórico aproveitou aquí a forma natural do antigo fondeadoiro para enmarcar a Lámina de Auga cun alarde de deseño racionalista.