A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) é un organismo especializado da ONU que se creou o 16 de novembro de 1945 coa misión de “contribuír á consolidación da paz, á erradicación da pobreza, ao desenvolvemento sustentable e ao diálogo intercultural mediante a educación, as ciencias, a cultura, a comunicación e a información”. A UNESCO conta con 193 Estados membros e un total de 11 Estados membros asociados.

A UNESCO desenvolve a súa actividade a través de 5 grandes programas nas áreas de Educación, Cultura, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais e Humanas e Comunicación. O programa de Patrimonio Mundial forma parte da área cultural desde que en 1972 os países integrantes da UNESCO asinaran a Convención para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural. Créase con esta firma un sistema normativo titorizado por un comité avaliador encargado de declarar os monumentos e bens, naturais ou culturais, con ese especial valor Patrimonio Mundial. Con esta meta a Convención vai máis alá e anima os estados que forman parte dela a integrar a protección patrimonial nos seus programas de ordenación territorial e a que adopten medidas que lle atribúan aos mencionados bens unha función concreta na vida cotiá que esperte o interese do público xeral, pois será deste modo, a través da conciencia da poboación sobre o valor do patrimonio como este verá mellorada a súa protección.